Os Penedos nin sequera están sinalizados

diciembre 29, 2010 by  
Filed under Laxe, Vimianzo

vimOs Penedos de Pasarela (Vimianzo) e Traba (Laxe) son Paisaxe Protexida dende o 12 de decembro do ano 2008. Xustamente xa pasaron dous anos dende a aprobación pola Consellería de Medio Ambiente, aínda que tras o cambio do goberno galego agora as competencias están en Medio Rural. Nese prazo, a Xunta tiña que ter feito un plan de actuación para o aproveitamento e protección do espazo de gran interese natural, pero, que se saiba, non hai nada. Tres meses atrás, a Asociación de Veciños de Pasarela, que preside Ricardo Vidal, dirixiuse á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe para avisarlle de que o prazo esgotábase e ofrecéndolle a súa colaboración.

-¿Houbo algún avance?

-Nada. Non nos dixeron nada. Eu incluso fun unha vez a Santiago, á Xunta, a falar alí con algunha xente, e moi boas palabras e tal, pero ningún avance.

-¿Como están os Penedos?

-Cheos de toxos. A verdade é que non se pode ver nada. Non hai indicacións, nin se fai limpeza de ningún tipo. Ninguén fixo nada, e tampouco contactaron connosco. Por non estar, os Penedos nin sequera están sinalizados. Se polo menos houbese uns carteis de madeira, como hai noutros lugares de interese e que custan dous pesos… Pero non hai.

-¿A asociación segue mantendo o ofrecemento de colaboración?

-Si, no que faga falla. Cremos que, por exemplo na Casa da Escola, podería haber unha oficina de información, de turismo. Alí é un bo lugar para repartir mapas, planos, folletos.

-¿Segue vindo xente?

-Algo hai, pero no inverno aquilo é inaccesible. Os toxos medraron moito (habería que cortalos), e para subir por algúns lados son necesarias botas. Os veciños tampouco van. Nin sequera os donos das propiedades. E os que o fan achéganse co coche ata onde estaba a canteira, porque de alí xa non se pode avanzar máis.

-¿Que opina a xente desta situación?

-Cando empezara todo isto había algúns que estaban en contra, pero como se ofreceron tantas cousas, como se dixo que isto ía ser unha marabilla, pois foron aceptando. E agora quedamos mal, porque como a Xunta non fixo nada xa non hai nin unha cousa nin outra.

-¿Contactaron algo cos veciños de Traba?

-Non, e iso que eles teñen unha parte importante dos Penedos. Aquí en Pasarela moveuse algo máis porque foi onde estivo o tema da canteira. En Traba non houbo esa preocupación.

Fuente: www.lavozdegalicia.es

Comments

Comments are closed.